Entidade declarada de utilidade pública

A nosa historia

ALUME foi fundada o 18 de outubro de 1995 por parte de varios familiares de persoas con enfermidade mental e profesionais da Saúde mental de Lugo coa intención de sensibilizar á sociedade sobre os problemas e as necesidades do colectivo e as súas familias, así como de loitar por un aumento dos recursos sanitarios nesta materia nesta provincia, na que daquela existía un déficit enorme.

Na súa primeira etapa, ALUME organizou un ciclo de charlas sobre distintos aspectos relacionados coa enfermidade mental: cuestións familiares, legais, laborais, médico-sanitarias, asistenciais, sociais, etc. que serviron a moitos familiares para coñecer aspectos interesantes sobre a enfermidade e as súas consecuencias e tamén para entrar en contacto con persoas que padecían problemas semellantes.

Para a asociación, aquel ciclo organizado no antigo Café Monterrey, coa colaboración desinteresada do seu propietario, Ramiro López, supuxo a súa presentación diante da sociedade luguesa e diante das persoas afectadas, moitas das cais decidiron asociarse.

REIVINDICACIÓNS

Dende a súa fundación, ALUME tivo un papel eminentemente reivindicativo, provocado pola escaseza de recursos sanitarios da provincia, moi por debaixo do resto de Galicia e España.

Unha unidade ambulatoria de Saúde Mental e unha unidade de internamento para casos agudos con quince camas era todo o que a sanidade pública ofrecía na provincia, mentres que a atención privada limitábase ás consultas de Psiquiatría e Psixoloxía.

O aumento de prazas de agudos, a creación dun Hospital de Día e a incorporación do Centro Rehabilitador de CAstro ó Servicio Galego de Saúde foron os puntos sobre os que ALUME fundamentou a súa labor reivindicativa fronta á Administración.

CONCIENCIACIÓN

Entre as iniciativas destinadas a promover o respecto cara as persoas con enfermidade mental e a súa inserción na sociedade, salienta a institucionalización do Día Mundial da Saúde Mental, establecido dende 10 de outubro e que nunca se celebrara en Lugo ata a aparición de ALUME.

Tamén se incluiron ciclos de cine, entre eles, un ciclo especial dentro da programación da Semana de Cine de Autor de Lugo, charlas, mesas redondas e varias aparicións nos medios de comunicación sobre situacións concretas completaban a actividade de ALUME nesta campo.

RESPONSABILIDADES

Na primevera de 1997 prodúcese un cambio moi importante na orientación de ALUME, ó recibir a proposta da Xunta de Galicia de poñer en marcha un Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, que estaría financiado pola administración autonómica, pero cuxa xestión ó completo sería responsabilidade da asociación. Malia que o cometido có que naceu ALUME non foi o de constituírse nunha entidade prestadora de servizos, decidíuse asumir ese reto, para conseguir dotacións que a Administración non estaba disposta a poñer en marcha doutro xeito, e para manter, se cabe con máis fundamento, a actitude reivindicativa coa que naceu a asociación.

O peche de Castro e a entrada en funcionamento das instalacións de Calde, o aumento de dotacións no HULA e nas unidades de saúde mental, o Hospital de Día, son logros que non cubren as necesidades da provincia, pero que melloran considerablemente a situación na que naceu ALUME.

Creemos que a percepción que existe na sociedade sobre as enfermidades mentais e as persoas que as padecen é diferente ca hai vinte anos, e aínda que falta moito para rematar có estigma, as persoas e as familias que sofren a aparición dun transtorno deste tipo teñen un sitio onde acudir e teñen profesionais formados e con experiencia, e compañeiros de fatigas que lles dean información, apoio e acougo.