Usuarios e usuarias de Alume participan na primeira excursión que a sección de ocio organiza este ano. A vila pontevedresa de Cuntis é o destino elexido nesta ocasión. Alí, gozarán de tres días dun dos abundantes complexos termais desta fermosa localidade. De feito, a abundancia e propiedades medicinais das súas augas valéronlle o nome de Caldas de Cuntis ata a etapa republicana da España do pasado século XX.
Todo serán novidades para os excursionistas, dende a furgoneta adquirida recentemente por Alume Saúde Mental que estrean nesta viaxe, ata a experiencia termal que a maioría descoñece. Pero como queira que non só de auga vive o home (e a muller), o programa de ocio inclúe outras actividades lúdicas e culturais, das que, de seguro, gozarán os expedicionarios.
Cuntis é una fermosa vila situada á veira do río Gallo, que atravesa a poboación. Ademáis dos atractivos do casco urbano, no seu contorno conserva importantes restos de asentamentos megalíticos (once mámoas e un menhir), petroglifos da Idade do Bronce (con figuras de cérvidos, círculos concéntricos e pías), e vestixios de poboados da época castrexa.
Tamén conserva restos da presenza romana en Galicia, xa que os cidadáns do Imperio construían os seus asentamentos preto de mananciais termais, que tanto abundan nesta zona.