Un grupo de 6 usuarios, catro mulleres e dous homes, dos centros de Alume de Guitiriz e Lugo, e dúas monitoras desfrutaron do 4 ao 6 de maio da casa de Nantes, Sanxenxo, que Feafes Galicia pon a disposición das entidades para estancias de fin de semana.
Tivemos un tempo estupendo para ir a praia e facer turismo, e coñecemos diferentes lugares.
O venres tocou achegarnos ata Vilanova de Arousa para coñecer a casa-museo de Valle Inclán, lugar de residencia dos seus avós maternos e onde naceu o escritor. Despois dirixímonos ata Cambados para pasear pola vila.
O sábado tocoulle o turno a Pontevedra, onde, tras dar unha volta pola feira, tivemos unha interesantísima visita guiada no museo e despois comemos pola cidade. Á tarde, aproveitando o bo tempo, coñecemos o pazo de Lourizán, coa súa abundante vexetación.
O domingo, como o tempo acompañou, tocou descansar e adicamos a mañá a tomar o sol e dar un paseo pola praia de Silgar, en Sanxenxo.