O 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, é unha cita que dende hai anos Alume aproveita para reclamar a atención social e sanitaria que merecen as persoas que padecen algún transtorno psíquico. Como a data coincide en plenas festas de Sann Froilán, Alume tenta darlle sempre un tono festivo ás accións reivindicativas. Neste ano 2014 a asociación contou coa participación do recoñecido artista Quique Bordell, que preparou un obradoiro de pintura con usuarios do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, e ese traballo plasmouse nun muro da nosa cidade. Baixo o lema «Nós tamén pintamos algo» e baixo a dirección artística de Quique Bordell, os artistas de Alume fixeron a pintura mural e colectiva no muro das piscinas exteriores municipais, no Parque da Milagrosa.
A inauguración do mural, o día 10 ás 13:00 horas, centrou os actos de Alume no Día Mundial da Saúde Mental. Con esta actividade a asociación quixo poñer de manifesto que a enfermidade mental é unha circunstancia que non ten por qué invalidar a quen a padece, que non temos por qué agocharnos nin renunciar ós dereitos que nos asisten. Foi un acto de reivindicación e tamén de auto-reivindicación, unha tentativa máis de loitar contra o estigma na procura dunha integración difícil pero moi necesaria para o conxunto da sociedade. Para desenvolver o obradoiro, Alume contou coa colaboración económica, material e persoal de Pinturas Kromo (coa dirección técnica de Enrique) e do Grupo El Progreso. O Hostal Porta de Santiago, socio de honra de Alume Nos últimos anos, Alume fai coincidir o Día Mundial có nomeamento de socios de honra a persoas ou entidades que se teñan destacado pola súa labor a prol das persoas que padecen algún tipo de transtorno mental. En 2014, a Xunta Directiva de Alume acordou nomear socio de honra ó Hostal Porta de Santiago, ubicado fronte á Porta da Muralla do mesmo nome, no barrio de Recatelo, pola atención especial que nese establecemento recibiron usuarios de Alume e de outras institucións que precisaron nalgún momento de aloxamento, manutención ou simplemente acougo. O Porta de Santiago abríu agarimosamente as súas portas a moitos especialistas en atopar portas pechadas, facilitou xestións, colaborou e colabora con Alume e outras entidades adicadas á saúde mental en facer máis doada a vida de moitas persoas que sufren a cotío o rexeitamento, e pensamos que non só nos axudan a nós, senón que con xestos sinxelos pero non habituais, fan de Lugo unha cidade mellor. Colecta nos establecementos Ousá Durante todo o fin de semana os establecementos Ousá Panaderías e Pastelerías puxeron á disposición dos seus clientes petos de Alume con obxecto de recaudar fondos para o funcionamento da Asociación. Logo da inauguración do muro e da entrega do título de Socio de Honra ó representante do Hostal Porta de Santiago, Alume celebrou a súa tradicional pulpada.