0,00 EUR

No hay productos en el carrito.

ALUME salienta o valor da diferencia no Día Mundial da Saúde Mental

O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, unha data escollida en 1992 pola Federación Internacional de Saúde Mental, á que se acolleron as organizacións dese ámbito en España e que Alume Saúde Mental aproveita cada ano para chamar a atención sobre as eivas que tanto a nivel social como asistencial afectan ó noso colectivo.

Os problemas relacionados coa saúde mental están a cotío no foco informativo, particularmente despois destes tempos de pandemia e enclaustramento, que puxeron de manifesto a importancia dunha boa atención na materia. Sen embargo, a abordaxe destas cuestións non adoita ter en conta a grande amplitude de fenómenos que se engloban baixo a denominación de “enfermidades ou trastornos mentais”.

O espectro é tan amplo que a atención clínica e social merece tratamentos moi diferentes. Un trastorno de ansiedade, unha depresión, un brote psicótico ou un trastorno de personalidade merecen atencións diversas. O impacto persoal e social de cada unha é moi distinto, os recursos sanitarios e socio-sanitarios que merecen e dos que se dispón na actualidade son moi diferentes e tamén o estigma sinala de xeito moi desigual a estas doenzas. E mesmo dentro de cada unha, cada caso ten sempre as súas particularidades.

Non se trata en absoluto de establecer criterios de segregación en canto a prioridades de atención, sexa sanitaria ou informativa, senón de que nesa onda mediática que medra duns anos a esta parte a prol dun máis grande recoñecemento das doenzas mentais, saibamos que non se pode meter todo no mesmo saco e que non calquera recurso vale para calquera doenza.

Cumpre aumentar a ratio de profesionais da saúde mental no sistema público, que en Galicia é lixeiramente inferior á media española e moi inferior á dos outros países da contorna. Cumpre tamén aumentar o número de dispositivos específicos para tratar ás persoas con trastorno mental severo, e cumpre definir un marco de actuación para abordar algúns trastornos de personalidade particularmente complexos para os que moitas veces se procuran estancias ou reclusións inapropiadas por falta de alternativas terapéuticas.

O esforzo por distinguir as diferentes necesidades da enfermidade mental debe ir unido a unha aceptación da diferencia, nun equilibrio entre o desinterese e a patoloxización. En definitiva, aceptar ó diferente, teña ou non un trastorno, e atender os problemas de saúde sen estigmatizar.

Noticias relacionadas