0,00 EUR

No hay productos en el carrito.

Comunicado de Feafes Galicia sobre o Día Mundial da Saúde Mental co lema «Abrindo mentes, cerrando estigmas»

FEAFES Galicia reivindica unha atención integral e individualizada para as persoas con enfermidade mental A dotación de recursos e soportes para evitar a exclusión social deste colectivo, o apoio ós familiares que asumen a tarefa de coidadores e a necesidade de axustar a medicación á dose mínima son as reivindicacións de FEAFES Galicia para o Día Mundial da Saúde Mental 2014.

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade mental de Galicia, FEAFES, únese un ano máis ás moitas voces que se alzan a propósito do Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro) na defensa dos dereitos e necesidades das persoas con enfermidade mental reivindicando unha mellor e maior atención a este colectivo. Como entidade creada e composta por familiares e persoas con enfermidade mental, non podemos senón darlle voz a eles para que sexan quen fagan visibles as súas maiores preocupacións e necesidades. Estamos a falar dunha enfermidade que afecta a máis de 41.500 persoas en toda Galicia e que supón un xiro de 360 graos na vida da persoa que a padece e dos seus achegados. As persoas con diagnósticos mentais están a lanzar unha mensaxe cada vez máis clara sobre a necesidade de axustar a súa medicación á dose mínima que lles permita desenvolver unha vida o máis normalizada posible cos menores efectos secundarios. Hoxe en día, a medicación é a única vía que teñen estas persoas para estabilizar a súa enfermidade, mais en moitos casos produce unas secuelas devastadoras sobre os pacientes e non sempre se realiza un traballo o suficientemente preciso para acadar a dose ideal, que é distinta en cada individuo. Por iso, as persoas con enfermidade mental queren lanzar unha mensaxe ós psiquiatras e profesionais da saúde mental para que tomen consciencia da vital importancia que ten traballar rigorosamente no axuste da medicación de cada paciente, tratando de acadar a mínima dose posible para que a persoa con enfermidade mental poida desenvolver unha vida activa e satisfactoria cos menores efectos provocados pola medicación. O trastorno mental, unha enfermidade de dous As enfermidades mentais xeran unha importante carga familiar xa que a atención dun paciente psiquiátrico trae asociada toda unha serie de alteracións na vida do coidador. Os datos indican que a atención á saúde mental realizada por coidadores informais supón o 88% do total, na maioría dos casos soportada pola nai do paciente. Dende FEAFES Galicia queremos facer ver que unha abordaxe integral da enfermidade mental tamén pasa pola adecuada atención ó entorno máis próximo, que a miúdo precisa de apoios específicos como programas de axuda mutua, intervención familiar, etc. Non esquezamos que os amigos e familiares son un elemento esencial na recuperación das persoas con enfermidade mental, sendo ademais os segundos, hoxe en día, o único axente transformador da realidade deste colectivo. Un problema máis alá do sanitario Baixo a premisa de que as enfermidades mentais eran un problema esencialmente sanitario, durante moito tempo non se afrontou a súa atención dun xeito integral, sendo esquecidos moitos aspectos da vida da persoa que van máis alá dos hospitais. Dende FEAFES Galicia queremos facer ver que a cura da enfermidade mental pasa por unha abordaxe completa da situación da persoa que a padece, atendendo a todos os seus condicionantes e ós do seu entorno. Por iso, e tendo en conta que a falta dunha atención axeitada á saúde mental leva inequivocamente á exclusión social de quen padece a enfermidade, FEAFES Galicia reclama a dotación de apoios e soportes que permitan facer fronte á plena realidade destas persoas. A detección precoz, a continuidade nos tratamentos e o apoio á autonomía dos pacientes son eixos nos que se debería traballar para mellorar esta situación. Ademais, como cidadáns de pleno dereito, as persoas con trastorno mental deben ter os mesmos dereitos en todos os ámbitos da súa vida: o emprego, a participación, o ocio ou o acceso a calquera servizo deben estar garantidos para este colectivo.

Noticias relacionadas