Tal día como hoxe, mais no ano 1995, aprobábanse os estatutos de Alume, a Asociación lucense de axuda a persoas con enfermidade mental. E hoxe cumprimos a maioría de idade, e seguimos a loitar pola defensa dos dereitos das persoas con trastorno mental severo e das súas familias.
Hoxe fanse 18 anos xustos desde que se aprobaron os estatutos de Alume, Asociación lucense de axuda a persoas con enfermidade mental. Neste tempo as cousas foron mudando moito. Nun primeiro momento eramos un grupo de familiares de persoas con trastorno mental severo que se xuntaron para loitar por unha mellora nos recursos en saúde mental que naquela altura eran moi escaso na provincia. Tamén queríamos falar da enfermidade mental, e sensibilizar a comunidade da necesidade de atender á saúde mental de maneira integral. Despois fomos medrando un chisco cada ano. No 1997 abrimos o noso primeiro CRPL (Centro de Rehabilitación Psicosocial e Pre-laboral) en Lugo, e dous anos despois abrimos un novo centro en Guitiriz. Nos dous centros as e os profesionais interdisciplinares de Alume realizan diversas actividades de rehabilitación psicosocial coas perto de 80 persoas usuarias que pasan á semana polas instalacións da asociación. En canto á parte pre-laboral, realizamos varios talleres dos que saen produtos de diversos materiais, feitos a man, que podedes ver na sección catálogo da nosa web; e temos un grupo de xardinería que atende todo tipo de propostas, desde arranxo de xardíns e céspedes até preparación e mantemento de hortas. Ademais, coa axuda das voluntarias e voluntarios, ofrecemos outras actividades como baile, lecto-escritura, costura, pandeireta, cinema… Por outro lado, organizamos grupos de autoaxuda con familiares de persoas con trastorno mental, e participamos no PAIEM (Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental nos Centros Penitenciarios) nos dous centros da provincia: Bonxe e Monterroso. Ademais, xestionamos catro pisos protexidos, nos que viven persoas con trastorno mental, na cidade de Lugo. En todo este tempo non deixamos, nin deixaremos, de loitar polos dereitos das persoas con enfermidade mental e das súas familias, e pola mellora da súa calidade de vida. E tamén contra o estigma asociado ás doenzas da mente. É dicir, polo cambio social: por un mundo, un país, unha comarca, unha cidade… na que tod@s caibamos. [Aquí seguimos!]