No Día da Muller, 8 de marzo, queremos sumarnos ás entidades de intervención social, nomeadamente ao Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) e a Acadar, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, publicando na nosa web o seu manifesto, que denuncia a falta de participación da muller con discapacidade na vida pública, e dá algunhas chaves para mudar as cousas.
Desde Alume unímonos a estas reivindicacións do Cermi e tamén de Acadar, a asociación galega de mulleres con discapacidade, con motivo do Día da Muller, que se celebrará mañá, sábado 8 de marzo. Aquí vos deixamos o manifesto asinado esta ano por ámbalas dúas entidades: {Recordando a Convención de Nacións Unidas sobre a Eliminación de todas as formas de Discriminación contra a Muller de 1976, onde os Estados Partes se comprometen a eliminar a discriminación contra a muller na vida política e pública do país, garantindo, en igualdade de condicións cos homes, o seu dereito a votar en todas as eleccións e referendos públicos e a ser elixibles; o dereito a participar na formulación das políticas gobernamentais e na execución destas, ocupando cargos executivos, e o dereito a participar en organizacións e asociacións non gobernamentais que se ocupen da vida pública e política (artigos 7 e 8); Considerando a Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2006, que asegura que estas poidan participar plena e efectivamente na vida política e pública en igualdade de condicións coas demais persoas, promovendo activamente unha contorna accesible e adecuada para iso (art. 29); Tomando nota do recente Informe do Parlamento Europeo sobre Mulleres con Discapacidade, no que se insta á Comisión Europea a incorporar unha formulación que teña en conta o enfoque de xénero na revisión intermedia da Estratexia Europea da Discapacidade 2010-2020. A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) DENUNCIA Que, pese a existencia destes tratados internacionais ratificados por España, moitas das mulleres con discapacidade non gozamos dos nosos dereitos políticos en igualdade de condicións que as demais persoas: – A ineficacia dos sistemas que garantan o noso dereito ao sufraxio universal. – Non participamos na formulación de políticas públicas, nin tampouco nas que nos afectan directamente. – Falta de indicadores nas políticas públicas de transversalidade de xénero e discapacidade. – Non ostentamos cargos executivos na esfera pública e apenas o facemos en organizacións non gobernamentais, onde a nosa presenza ten frecuentemente un carácter meramente testemuñal. E que, como consecuencia destas ausencias xeneralizadas, a situación de discriminación e exclusión das mulleres e nenas con discapacidade segue sendo no noso país un problema de primeira orde que esixe a adopción de medidas específicas que incidan sobre as causas reais que lle dan orixe. Sirva como exemplo o dato de que o 17,3 % das mulleres con discapacidade atópase en situación de pobreza extrema, taxa que triplica á da poboación española (6,4%). Por todo o sinalado, no Día Internacional da Muller, o CERMI RECLAMAMOS 1. O desenvolvemento con urxencia dunha investigación centrada na revisión das modificacións da capacidade de obrar que afectan ao dereito de sufraxio das mulleres con discapacidade. 2. Promover a accesibilidade universal nos colexios electorais para poder participar en igualdade de condicións nos procesos electorais. 3. Impulsar os proxectos destinados a promocionar o empoderamento das mulleres con discapacidade no ámbito público e privado. 4. A consideración específica das mulleres e nenas con discapacidade en todas as disposicións lexislativas, políticas e iniciativas en materia de discapacidade ou de xénero, case inexistentes ata a data presente. 5. A inclusión dos asuntos específicos das mulleres e as nenas con discapacidade nas políticas sociais desenvolvidas polo terceiro sector en xeral e polas organizacións da discapacidade en particular, especialmente no relativo á violencia e o abuso, á maternidade, aos dereitos sexuais e reprodutivos e ao acceso á xustiza, formando para iso aos seus profesionais e ofrecendo servizos de atención directa ás mulleres e nenas que o soliciten. 6. Incorporar o principio de igualdade entre a muller e o home na cultura organizacional, os regulamentos, os estatutos e os programas de traballo das organizacións representativas das persoas con discapacidade e as familias, se é o caso, de forma real e efectiva, asegurando que a dirección, a xestión e toma de decisións sexa paritaria en todos os niveis. 7. Asegurar a presenza de mulleres con discapacidade nas organizacións de mulleres, as cales deben garantir a súa plena inclusión e participación, así como a consideración das demandas e necesidades específicas, agravadas polos efectos dunha discriminación estrutural de anos de exclusión. 8. Apoiar e fortalecer o establecemento de organizacións, redes e grupos integrados, dirixidos e gobernados por mulleres con discapacidade, na defensa dos seus propios intereses colectivos, tal e como elas mesmas os definan, sen prexuízo da súa presenza a través de organizacións mixtas ou específicas. 9. Poñer en valor todas as importantes medidas de accesibilidade e non discriminación cara ás mulleres con discapacidade que contén a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, así como a non discriminación no acceso á saúde sexual e reprodutiva; a súa atención adecuada durante o embarazo, o parto e o puerperio; a formación de profesionais da saúde sobre a súa situación específica, e a información á muller, que corren o risco de perderse coa actual revisión lexislativa. 10. A utilización eficaz e eficiente dos instrumentos de financiamento da Unión Europea, e en particular dos Fondos Estructurales, para poñer fin á discriminación das mulleres e nenas con discapacidade en todos os ámbitos da vida.}