O Nadal máis social está a piques de comezar. Encetámolo coa edición do Calendario Solidario 2014, e agora imos participar, como cada ano, na feira Diversiarte 2013, que comezará o vindeiro mércores 18 de decembro, e continuará até o venres 20.
Un ano máis, estamos preparando xa os petates con todos os produtos que fixemos durante o ano nos nosos obradoiros, para os levar a Diversiarte 2013, a feira solidaria na que participamos xunto con outras entidades sociais da cidade de Lugo. Será os días 18, 19 e 20 de decembro, é dicir, a partir do mércores e até o venres, nunha carpa que estará situada na Praza Anxo Fernández Gómez, na parte posterior do Concello. Estaremos nos nosos postos de 11h00 a 20h00, os tres días. [Regala ilusión este Nadal] Este ano, ademais dos produtos en coiro (carteiras, chaveiros, lapiceiros, fundas de móbiles, fundas para tablets…); dos produtos de cerámica (porta-candeas, murallas de Lugo, recipientes para queimar incienso, tres en raia, flores, xarróns, cuncas, lapiceiros, vasos, baleira-petos); dos produtos de arame (pulseiras, prendedores, broches, diademas, pendentes, aneis…); teremos á venda postais de Nadal e o [Calendario Solidario 2014], que fixemos xunto coa Protectora de Animais de Lugo e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. [A Festa de Nadal de Alume tamén será esta semana] As festas de Nadal tamén chegaron a Alume. Ademais de termos xa preparada unha cesta, que sortearemos entre as persoas usuarias do noso centro, o vindeiro xoves día 19 celebraremos a nosa tradicional festa de Nadal. Aproveitamos para vos desexar unhas boas festas a todos e todas! Grazas por estar aí!