Directivos e o equipo profesional de Alume Saúde Mental asistiron á xornada sobre Ética e Discapacidade que acolleu a Facultade de Bioloxía da USC, coa asistencia e máis de 200 persoas. O foro, organizado por Feafes Galicia, foi inaugurado polo seu presidente, Xosé Ramón Girón, que estivo acompañado polo seu homólogo do Cermi-Galicia, Anxo Queiruga, e polo Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela.
A ponencia marco estivo a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular, que ademais dirixe a Fundación de Medicina Xenómica de Galicia. O doutor presentou o ADN como o libro de instrucións que recolle todo o que ten a vida, explicando a través do mesmo as causas xenéticas da discapacidade. Ademais, referiuse aos conflitos éticos entre os avances da ciencia e a súa relación coa discapacidade.
O psiquiatra Luis Fernando Márquez introduciu o debate sobre se a atención e o coidado das persoas con discapacidade debería ser unha responsabilidade do Estado ou das familias. Insistindo na necesidade de coordinación socio-sanitaria entre os distintos axentes. Ao respecto, salientou que as intervencións integrais permitirán diminuír as situacións de vulnerabilidade e potenciar as capacidades destas persoas.
José Antonio Seoane, presidente do Consello de Bioética de Galicia e profesor de Filosofía do Dereito da UDC, fixo unha breve introdución sobre a historia do Dereito en relación coa discapacidade, mentres que a xefa do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias do Sergas, María Tajes, falou da prevención e dos factores de risco para a aparición das enfermidades mentais, así como da súa relación co consumo de alcol ou drogas
Finalmente, Vanesa Montaña e Irene Fernández, psicóloga e educadora social de TP-Galicia respectivamente, explicaron en que consisten os trastornos da personalidade e como traballa esta asociación para atender ás persoas con estes diagnósticos.