Un ano máis o Entroido chegou a Alume cargado de sorpresas, moito humor e ganas de pasalo ben. Os preparativos que se levaron a cabo durante os días previos deron o seu froito. O segredo, a ilusión e o traballo do equipo profesional de Alume e dos usuarios e usuarias do centro foron a clave dunha xornada inesquecible. A festa, como de costume, foi pola tardiña do Xoves de Comadres, nun entorno transformado como por arte de maxia nunha sala de festas, cun estupendo bufet preparado para a ocasión.
Cando se abriron as portas, bruxas, piratas, unha muller norteña, un flamante vaqueiro, Bob Marley, un cardenal acompañado dun frade siniestro, Frankenstein (o milagre da ciencia), ninjas, princesas, o lobo feroz, e ata unha comparsa alusiva ás populares festas do San Fermín (con touros incluidos), entre outras persoaxes sorprendentes, irrumpiron na sala, onde os esperaban as Spice Girls, que desplegaron toda a súa arte cunha espléndida coreografía.
Antes de comezar a festa, tódolos participanes no desfile concurso inmortalizaron a súa presenza no photocall preparado para a ocasión. O público que enchía o recinto gozou co desfile e, sobre todo, coa inxeniosa posta en escea dos participantes. O xurado non o tivo nada fácil á hora de elexir entre os tres mellores. Finalmente decantáronse pola bruxa, o vaqueiro e o frade, que foron premiados cos correspondentes galardóns.
Niguén quedou defraudado coa elección, entre outras couas, porque os premios, como todo canto se fai en Alume, teñen o valor engadido da solidariedade. Así, ademáis dunha xornada inesquecible, gañadores e participantes gozarán dos galardóns, xa que todos compartirán unha comida nun restaurante da cidade, no que será un remate de ouro para unha festa tan popular e querida como esta.
Rematado o concurso, abríuse o bufet, repleto de larpeiradas propias da época. En xustiza, hai que salientar as orellas feitas pola nai de Belén e as filloas cociñadas nun dos pisos de Alume. Tampouco desmerecían as tortillas elaboradas pola mañá nos fogóns do centro. En realidade, todo estaba para lamber os dedos.
E xa, sen présa, comezou o baile de Entroido, cunha selección musical do máis variada e axeitada para a ocasión. No apartado musical non se pode esquecer a actuación do grupo de canto e pandeireta de Alume, que deleitou ao respectable cun breve pero estupendo concerto. De feito, tiveron que tirar de repertorio para facer varios bises, ao fin a satisfacer a demanda dun público do mais entregado.