Actuación no Medio Rural

Programa de Apoio Socio-Sanitario de Asistencia a Domicilio a Persoas con Trastorno Mental Severo en Situación de Dependencia no Medio Rural

As persoas con transtornos mentais graves que viven en zonas rurais son dobremente vulnerables, pois o illamento acentúa en moitos casos os síntomas da enfermidade e impide ou en todo caso dificulta os procesos de recuperación. A redución das redes de apoio social, a dispersión, as dificultades para o transporte, a escaseza de servizos socio-sanitarios, supoñen unha condena. A desconfianza, a autonegación, o illamento son compoñentes da propia doenza e do estigma que pesa sobre quen a padece. Para romper con ese estigma e tratar de dar unha saída digna a estas persoas Alume pon en marcha o seu programa de apoio a domicilio no medio rural.

Intervención a domicilio A finalidade deste programa é favorecer a integración das persoas con trastorno mental severo das zonas rurais, realizando unha atención socio-sanitaria integral a domicilio, adaptada ás características específicas de cada usuario, co fin de manter á persoa na súa contorna comunitaria cunha calidade de vida digna, achegando así a rehabilitación aos lugares e situacións máis inaccesibles. O programa funciona desde 2017 co financiamento da Deputación Provincial de Lugo e da Consellería de Política Social a través de FEAFES-Galicia, e sempre en colaboración coa Unidade de Transtorno Mental Severo e Continuidade de Coidados do Sergas en Lugo. A súa posta en marcha revelou unha situación moito máis grave da que se previu inicialmente: Infravivendas, desnutrición, ausencia de contacto con outras persoas; en definitiva, abandono.

O grao de abandono é nalgúns casos tan grande que a intervención de Alume parece destinada a mellorar a situación, pero as dificultades para intervir son notables. É necesario vencer a desconfianza dos pacientes e tamén da familia, cando a hai. Polo xeral, asóciase a intervención aos momentos de crises ou ingresos, o cal provoca un rexeitamento frontal. É necesario axudar ao paciente para vencer as súas rutinas, os seus prexuízos e a conciencia que ten sobre as súas propias circunstancias.

Familia e tutela Os familiares adoitan vivir en permanente situación de estrés e desesperanza, o que tamén precisa de apoio, non só respiro do problema, senón intervención con eles mesmos. E cando non existe familia, o máis habitual é que a persoa estea tutelada pola Fundación Galega para a Tutela de adultos (Funga), coa que Alume colabora servindo de ligazón entre estas persoas e os profesionais que teñen asignado o seguimento das súas tutelas e que se atopan desbordados polo elevado número de tutelados e a escaseza de profesionais para atendelos.

Contenido da intervención Para tratar de abordar as carencias expostas os profesionais de Alume poñen en marcha, entre outras, as seguintes actividades:

  • Traballar a orientación temporal, conciencia da realidade e coñecemento da actualidade.
  • Estimular percepción, atención e concentración, memoria (verbal e visual) para previr a deterioración.
  • Proporcionar formación, orientación e apoio aos familiares.
  • Adquirir hábitos sociais para favorecer a integración social.
  • Fomentar a creación dun espazo persoal respectando ao resto da unidade familiar.
  • Promover a práctica de hábitos e estilos de vida saudable.
  • Implantar o hábito de uso do pastillero semanal e conseguir adherencia ao tratamento farmacolóxico.
  • Coñecer os recursos socio-sanitarios e comunitarios da súa zona e facer un uso adecuado do tempo libre.
  • Implantar o hábito de uso das novas tecnoloxías.

Galería de fotos

Prensa