Intervención en prisións

A enfermidade mental fai especialmente vulnerables ás persoas que se atopan no cárcere. Nun ambiente hostil, con novas regras, as persoas con dificultades para a socialización sofren máis e son máis susceptibles de ser enganadas, de converterse en vítimas de abuso ou de verse involucradas en situacións de violencia. E por iso xorde o PAIEM (Programa de Atención Integral a persoas con Enfermidade Mental), posto en marcha pola Secretaría Xeral de Institucións Penais a nivel estatal.

Alume incorporouse a este programa en 2011, no marco dun convenio entre Institucións Penais, FEAFES Galicia e a Fundación Barrié. No noso caso, o apoio e o financiamento de Barrié permite que técnicos de varias asociacións integradas en FEAFES visiten os cárceres galegos, recoñezan aos internos que padecen algún transtorno mental e traballen con eles.

Este programa está destinado a dar respostas personalizadas á poboación con enfermidade mental interna nos Centros Penais de Bonxe e Monterroso atendendo á natureza e necesidades de cada Centro, facilitando a reincorporación social tras a saída de prisión. Asímismo, intervense cos seus familiares e achegados, así como cos funcionarios e internos de apoio.

O programa desenvólvese sobre os seguintes eixos:

1. Información, orientación e asesoramento.
2. Rehabilitación psicosocial e inserción sociolaboral.
3. Apoio social e psicoeducación de familiares e achegados.
4. Coordinación Sociocomunitaria – Apoio á reincorporación social.
5. Formación a funcionarios/as e persoal de apoio.

En resumo, trátase de mellorar a situación das persoas con enfermidade mental severa dentro dos Centros Penais de Bonxe e Monterroso, promovendo a reinserción social e o reforzo do apoio familiar, tanto na fase de internamento como na preparación da saída.