Alume celebrou as súas Asambleas Xeral Ordinaria e Extraordinaria de persoas socias o pasado luns 29 de abril no seu local, en Lugo. No encontro, ao que acudiron perto de 30 persoas, expúxose a situación económica da entidade; deuse conta das actividades que se realizaron durante o ano 2012 e do financiamento das mesmas; sinaláronse os proxectos que se ven desenvolver este ano, e aprobouse o seu orzamento.
A xuntanza do pasado luns foi de grande importancia para a nosa Asociación, xa que se tomaron decisións que asegurarán, en certa medida, a sustentabilidade futura da mesma. En primeira instancia, aprobáronse as contas do ano pasado, e os orzamentos deste ano, fíxose un balance de actividades realizadas en 2012, e presentouse unha previsión para o ano en curso. [Mudanzas nas cotas de persoas socias e de persoas usuarias] De entre as medidas aprobadas polas persoas socias asistentes destacou a mudanza da cota que estas están a pagar anualmente, que até o de agora era de 15 euros. As persoas socias de Alume levan pagando a mesma cota desde o ano 2002 e agora, máis dunha década despois, na Asociación pensouse que era momento de adaptar esta cantidade, que pasará a ser de 25 euros anuais por persoa socia. Así foi aprobado na Asemblea. Así mesmo, a Asemblea decidiu implantar unha cota a pagar polas persoas usuarias de Alume, que será do 5% dos seus ingresos. A porcentaxe será a mesma para todas as persoas usuarias da Asociación, e cubre absolutamente todos os servizos que presta Alume, desde as actividades organizadas nos centros de día até os pisos protexidos que ten a nosa asociación. Para terminar, presentóuselle ás persoas socias a implantación do Sistema de Xestión de Calidade, co que se espera obter a certificación de calidade o ano vindeiro. Tamén foi presentada a participación no programa Más Social, que desenvolven a Fundación Barrié e a Fundación de PwC, co cal é proporcionada á nosa asociación formación, consultoría e a contratación dun profesional para mellorar a xestión da mesma. Na Asemblea Extraordinaria, que se desenvolveu inmediatamente despois, aprobouse dar de baixa a aquelas persoas socias que non mantiñan o pago das cotas ao día dende hai xa varios anos. A día de hoxe, Alume ten 245 persoas socias que apoian as actividades que desenvolvemos. {Na imaxe, un dos talleres que as persoas usuarias realizan en Alume}