Este venres presentouse o Calendario Solidario 2014, feito por Alume, a Sociedade protectora de animais de Lugo e o alumnado de Segundo Ciclo de Fotografía da Escola Ramón Falcón. En breve subiremos á nosa web, ao Facebook e ao Twitter a información dos puntos de venda do mesmo.
Xa está dispoñible o [Calendario Solidario 2014], confeccionado con fotografías dos usuarios de Alume e dos animais da Protectora, tiradas en lugares emblemáticos da cidade de Lugo por alumnos e alumnas da Escola Ramón Falcón. Foi presentado esta mañá na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, coa asistencia da súa directora, Esther Muñoz -quen presentou o acto-, o presidente da Protectora, Javier García Calleja, e o presidente de Alume, Manuel Fernández Prado. Tamén asistiron os alumnos e alumnas que fixeron as fotografías que ilustran cada mes neste calendario, xunto co seu profesor, Alfredo Yáñez. No acto, os presidentes de Alume e da Protectora agradeceron a implicación da Escola Ramón Falcón nesta iniciativa, recalcando que se trata dunha participación chea de solidariedade e do apoio que as nosas asociacións precisan neste tempo. Polo seu lado, a directora da Ramón Falcón sinalou que a colaboración do alumnado no proxecto resultou ser motivante, ao tempo que lles axudou a saír fóra das súas instalacións, e moverse polo Lugo do que todos queremos formar parte, tal e como indican as páxinas do calendario, coa lenda {“Lugo tamén somos nós”}. [A vindeira semana achegaremos información dos puntos de venda] A vindeira semana poderemos informarvos dos lugares nos que podedes acceder ao Calendario Solidario, ademais da nosa sede, onde o tedes á vosa disposición desde xa. Poderedes adquirilo por un [donativo de cinco (5) euros] que irán destinados á sustentabilidade das dúas asociacións que nos unimos nesta iniciativa. [Colabora connosco, porque o teu apoio é a nosa forza.] {Na imaxe, alumnos, profesores, a directora da Escola e os presidentes das dúas asociacións posan para a prensa cos calendarios solidarios nas mans.}