Entidade declarada de utilidade pública

Novas

Comunicado de Feafes Galicia: Enfermidade mental e pobreza, dúas realidades que van da man

Enfermidade mental e pobreza son, lamentablemente, dúas caras da mesma moeda. Ó longo dos últimos anos, FEAFES Galicia viu constatando que a porcentaxe de persoas en risco de exclusión social que padece unha enfermidade mental supera altamente a incidencia do resto da poboación, concretamente no caso de persoas sen teito, reclusos en centros penitenciarios e persoas que se atopan baixo tutelas públicas.

É un feito constatado que as persoas que viven na rúa son propensas a ter problemas psiquiátricos: aqueles que caen sen ter unha problemática psíquica teñen moitas posibilidades de ver deteriorada a súa saúde mental, e os que xa padecían algún trastorno mental atópanse con altas probabilidades de agravar o seu padecemento. Actualmente, unha de cada catro persoas sen fogar padece un trastorno mental grave crónico e unha de cada tres ten dependencia ó alcol ou ás drogas. En conxunto, en torno ó 50% das persoas sen fogar sofren enfermidade mental e catro de cada dez requiren un tratamento psiquiátrico. Por falta de recursos, os Servizos de Saúde Mental non poden atender de xeito adecuado a este colectivo, que se atopa con numerosas dificultades para a súa curación como a imposibilidade de seguir a medicación. Por outra banda, a incidencia da enfermidade mental nos centros penitenciarios triplica os indicadores observados na poboación xeral, e estas persoas non reciben ningún tipo de atención especializada. Actualmente, o único programa que existe para este colectivo é o Programa para a Atención Integral a Enfermos Mentais en Centros Penitenciarios (PAIEM), que a través das asociacións de FEAFES Galicia atendeu, durante o 2013, a un total de 171 internos con enfermidade mental e ás súas familias. Finalmente, cabe destacar tamén a alta porcentaxe de persoas sen familia de referencia que están tutelados pola administración pública e que padecen algunha enfermidade mental. Actualmente, o 25% das persoas tuteladas pola Fundación Galega para a Tutela de Adultos (FUNGA) ten como causa única padecer unha enfermidade mental, cifra que ascende ó 60-70% se ten outra patoloxía asociada. Programa para persoas con enfermidade mental sen teito No marco do “Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental”, subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, FEAFES Galicia está a desenvolver un programa de “Apoio e Acompañamento para Persoas con Enfermidade Mental e Sen Fogar” coa fin de atender a un colectivo altamente desprotexido e carente de recursos. O programa de “Apoio e Acompañamento para Persoas con Enfermidade Mental e Sen Fogar”, recentemente posto en marcha dende FEAFES Galicia, pretende achegarse á realidade das persoas con enfermidade mental grave e sen teito coa fin de ofrecerlles acompañamento a través de itinerarios personalizados de inserción e de apoio comunitario, abríndolles a posibilidade de mellorar a súa autonomía persoal e facilitar a reinserción social. Para levar a cabo este programa, os técnicos de FEAFES Galicia realizan unha serie de actuacións individuais que teñen lugar nas distintas delegacións da Federación en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Ademais, os beneficiarios do programa participan tamén en accións formativas grupais para traballar habilidades sociais e laborais así como técnicas de busca de emprego. Grazas a estas accións, benefícianse un total de 10 usuarios con enfermidade mental grave e sen fogar.

Leave a Reply