O Día Mundial da Saúde Mental celébrase este luns, 10 de outubro, centrado na atención ás persoas máis novas e nese contexto Alume quere salientar que precisamente en 2022 a nosa asociación puxo en marcha o Programa de Atención a Primeiros Episodios Psicóticos (PAPEP)que presta apoio a pacientes xoves atendidos na Unidade de Psiquiatría Infanto-Xuvenil de Lugo.
En Alume consideramos que o esforzo no tratamento e atención ós trastornos psicóticos na xuventude debe ser unha prioridade absoluta en materia de Saúde Mental. Actuar a tempo, evitando recaídas e reducindo a desconexión social, familiar e afectiva dos mozos nos seus primeiros brotes pode cambiar de xeito radical o seu horizonte de vida e tamén o das súas familias e achegados. Este esforzo precisa ir máis aló do ámbito psiquiátrico: sen apoio social, sen acompañamento e axuda non é posible saír do pozo dun proceso psicótico.
Por eso pensamos que este proxecto, aínda que recén estreado, é unha seña de identidade de Alume, é algo que xustifica por si mesmo a propia existencia da asociación. Porque fóra da consulta e do centro médico os mozos necesitan un apoio de preto para reintegrarse no ámbito académico ou laboral, para recuperar as habilidades sociais, a autoestima, e para cumplir có tratamento. En definitiva, un acompañamento profesional, pero que xurde e se sustenta nunha iniciativa social como a nosa.
O PAPEP púxose en marcha cós recursos propios de Alume e conta agora cunha pequena axuda de FEAFES Galicia e da Consellería de Sanidade, pero necesitamos máis apoio e máis financiación. É unha evidencia que os recursos sanitarios ó alcance dos lucenses neste ámbito son moi insuficientes, e tanto a nivel galego como estatal a xornada deste Día Mundial destínase a reclamar das administracións os servizos que realmente merece o grave problema de saúde mental dos nosos xoves. Alume quere sumarse a esa reclamación, pero quere extendela tamén ó conxunto da sociedade. A prevención, a rehabilitación e tamén o tratamento en materia de saúde mental non son só unha cuestión médica.
O acoso escolar,
A soidade non desexada,
As adiccións a sustancias psicoactivas,
A ciberadicción e a exposición ás redes sociais,
A desigualdade de xénero,
A precariedade laboral…
Todos estes fenómenos tan vencellados á xuventude de hoxe poden provocar ou facer de detonantes da ansiedade, a depresión, algúns trastornos alimentarios, brotes psicóticos e outras doenzas. Necesitamos máis psiquiatras e máis psicólogos, pero se non hai un cambio de actitude e unha acción social consistente os problemas seguirán en aumento. Por ese motivo, neste Día Mundial da Saúde Mental Alume fai un chamamento á sociedade luguesa para a toma de conciencia do problema, particularmente na xuventude, e para que cada un faga a aportación que estea ó seu alcance e que nonn ten por que ser económica. No novo sitio web da asociación, en www.alume.org, que se estrea coincidindo con esta celebración, ofrécense moitos xeitos de participar e colaborar, partindo do traballo feito nestes 27 anos de traxectoria.
A nómina de socias e socios de honra da asociación é un catálogo moi amplo de como as aportacións individuais fan medrar o movemento asociativo e contribúen á mellora social no noso ámbito. No ano 2022 a Xunta Directiva de Alume acordou nomear socia de honra a Lucía Lence, pola súa colaboración desinteresada no deseño dunha app enfocada ó traballo no PAPEP. En anos anteriores, recibiron esta mención Isabel Menéndez, que realizou tarefas de voluntariado durante máis de vinte anos; Fina Platas, decisiva na obtención de vivenda digna para os beneficiarios do programa de Rúa de Alume, ou entidades coma o Colexio Cervantes, ou os Clubes 10 Portas de Tenis de Mesa e Penarrubia, tamén decisivos con actividades deportivas e integradoras.
A celebración do Día Mundial en Lugo consiste na instalación dunha mesa informativa na Praza Maior, onde se fará lectura do Manifesto pola Saúde Mental Dado que o 10 de outubro coincide con plenas festas de San Froilán, a asociación completa os actos cunha pulpada, só cancelada nos dous últimos anos pola pandemia.