Pisos Protexidos
As persoas con transtorno mental grave poden ver dificultada a súa capacidade para a convivencia debido á perda de habilidades sociais e cognitivas. O traballo de rehabilitación levado a cabo por Alume trata de favorecer a autonomía dos pacientes, intervindo tamén coas súas familias para facer posible a convivencia. En situacións nas que non existe esa posibilidade, xa sexa por desarraigamento, pola súa situación clínica, por motivos económicos ou por calquera outra causa, Alume dispón de pisos protexidos, nos que se ofrece aos seus habitantes, ademais dunha vivenda compartida, a supervisión e apoio necesarios para unha vida en plena integración social.
En marzo de 2022 Alume ten en funcionamento 5 pisos cun total de 21 prazas, das cales, 17 están concertadas co Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia, e as outras catro corresponden a un programa específico de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero que padecen enfermidade mental, que está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Para o sostemento dos pisos a asociación conta ademais cunha axuda do Concello de Lugo para o alugueiro dunha das vivendas.
A incorporación a un piso de Alume está suxeita a unha serie de condicións.
- A derivación debe proceder dos servizos de Saúde Mental da Xunta de Galicia ou, en todo caso, autorizada polos devanditos servizos.
- É obrigación do paciente participar no programa de Rehabilitación Psico-Social de Alume, con obxecto de garantir un desempeño correcto na vivenda.
- Existen ademais unha serie de normas de orde interna destinadas a regular a convivencia de todos os habitantes de cada piso.