Programa de rúa
A intervención de Alume con persoas sen fogar que padecen enfermidade mental é unha das actividades que teñen máis visibilidade en Lugo. O noso equipo percorre as rúas da cidade, identificado cuns chalecos de cor azul, para atender a persoas que viven en absoluta precariedade.
O plan parte da idea de que hai moitas persoas que están na rúa por causa da súa enfermidade mental, e que ademais de vivir esa difícil circunstancia, o seu estado de saúde prívalles dos recursos que existen para as persoas sen fogar. Non poden acudir a un comedor social, a un albergue, rexeitan a axuda de institucións, provocan conflitos e confirman o estigma da enfermidade.
Confianza
Os nosos profesionais son expertos no manexo deste tipo de enfermidades; eles interveñen directamente para lograr do paciente a confianza suficiente que lle permita acudir a unha consulta médica, acompáñanlle na primeira visita e fan seguimento do tratamento e do estado en xeral. Trátase de conseguir unha estabilidade que, nunha primeira fase dea opcións ás persoas afectadas a acollerse a algúns dos recursos que existen, co obxecto final de que máis adiante poidan saír da rúa.
Elo
En realidade nós somos un elo pequeno nunha cadea grande, formada por grandes institucións como Cruz Vermella, Servizo Galego de Saúde, Concello, Corpos de Seguridade, Cidadáns en xeral. A actividade comezou en 2014 mediante unha subvención das fundacións Barrié e Roviralta.
Na actualidade, desempeñamos este servizo mediante un acordo con Cruz Vermella, que á súa vez subscribiu un convenio co Concello de Lugo para manter servizos integrais de atención a persoas sen fogar.
Apoio e reeducación
As persoas coas que traballamos adoitan levar moitos anos vivindo en exclusión. Cando a súa saúde mellora e acceden a buscar unha solución residencial que non sexa a rúa comeza un proceeso de reeducación moi complexo. Moitos deles teñen dificultades económicas, un déficit importante nas súas habilidades de relación, padecen unha certa inestabilidade psicopatolóxica ata que se adaptan ao tratamento e nalgúns casos, necesitan supervisión sobre o propio tratamento.
Alume realiza esas tarefas que axudan á inclusión e presta o apoio necesario para buscar e manterse nunha solución residencial adaptada aos seus ingresos.
Galería de fotos
Videos
Prensa
Este servizo conta con financiación da Consellería de Sanidade – Servicio Galego de Saúde, dentro do “Programa de atención comunitaria, rural e urbana, a domicilio, para persoas con trastorno mental severo.”.