0,00 EUR

Non hai produtos no carriño.

0,00 EUR

Non hai produtos no carriño.

Adeus a Dolores Osorio

O día 2 de setembro finou de xeito repentino Dolores Osorio Linares, directora do Centro de Día de ALUME e directiva desta Asociación de Axuda a Enfermos Mentais. A simple mención destes cargos non fai xustiza ás funcións que desenvolveu en ALUME dende a súa mesma fundación en 1995. Moito máis aló das responsabilidades que sobre o papel foi asumindo, aportou unha enerxía, unha entrega e un compromiso decisivos para facer de ALUME un motivo de esperanza e paz para tantos enfermos e familias. Dolores sempre tivo un alto nivel de autoesixencia, que desenvolveu con tanta determinación como humildade, pero o auténtico motor da súa enerxía e traballo era algo máis profundo, ela sentía como propio o sofremento alleo, sentíase persoalmente comprometida coa dór que lle arrodeaba. En ALUME coñeceu casos moi duros e nunca foi quen de poñer distancia, implicábase, revolvía o que fixera falla, sofría e moitas veces desesperábase porque na súa man non sempre había solucións. De a cotío andaba moi preocupada e cando acadaba un chisco de tranquilidade, ríase de si mesma con inxenuidade, pero nunca renunciou a esa especie de ánimo misioneiro. Para moitas persoas atrapadas no inferno da enfermidade mental Dolores foi un anxo, para quen a tratamos, a súa marcha deixa unha profunda ferida, pero tamén a convicción de que o mundo paga a pena se hai persoas coma ela.

Noticias relacionadas