Entidade declarada de utilidade pública

Novas

Alume nome socia de honra á UDP, en recoñecemento á labor dos voluntarios

A Xunta Directiva de ALUME acordou nomear socia honorífica da Asociación á Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados (UDP), polo apoio dos seus voluntarios en beneficio das persoas con doenza mental e na loita contra o estigma desta enfermidade.

O nomeamento inscríbese dentro da celebración do Día Mundial da Saúde Mental, establecido pola Organización Mundial da Saúde no día 10 de outubro, data na que se reivindican os dereitos dos enfermos mentais e se chama a atención sobre os problemas destas doenzas. Xunto coa función reivindicativa desta xornada, ALUME quere tamén salientar as actitudes individuais e colectivas a prol dos enfermos mentais durante o último ano, e por ese motivo nesta ocasión recoñécese o traballo dos voluntarios exemplificados na UDP. Os voluntarios desta organización realizan dende hai anos actividades importantes para a rehabilitación psico-social como Lecto-Escritura, Música ou Costura, pero máis aló das propias tarefas, constitúen xunto có resto dos voluntarios un elemento fundamental na apertura de ALUME cara a sociedade e por tanto na loita contra o estigma da enfermidade mental. ALUME traballa dende a súa fundación en 1995 pola inserción das persoas con enfermidade mental e pola normalización da vida no seo das familias nas que xurde esta doenza. Integran ALUME máis de 300 socios, a maioría doentes e familiares de doentes, pero tamén profesionais e persoas involucradas nesta tarefa. A Asociación xestiona dous Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral, en Lugo e Guitiriz, e catro pisos tutelados, e leva adiante, diversos obradoiros, axuda a domicilio, escola de familias e intervención con poboación reclusa entre outros programas de axuda. Traballan en ALUME trece persoas (psicólogos, traballadores sociais, educadores sociais, terapeutas ocupacionais e monitores) e a asociación conta coa participación de 17 voluntarios, que colaboran en actividades como Lecto-Escritura, obradoiros de Lectura e de Historia, Cociña, Andainas, Exercicio Físico, Baile, Música e moitas outras. ALUME mantén obradoiros prelaborais de Xardinería e diferentes especialidades artesáns, cuxa produción atópase á venda en Internet, no propio centro e tamén en pequenos mercados de rúa. O acto central da celebración do 10 de outubro consistirá na Pulpada da asociación, un momento de confraternización entre os usuarios do centro, os traballadores e os socios que desexen participar. Este ano terá lugar a partires das 14:30 horas do propio día 10, no restaurante Madison, na rúa Montero Ríos. Os socios que estean interesados en acudir á Pulpada, deberán reservar a súa praza mediante chamada ó teléfono 982 25 16 02 A mellor inversión, a túa saúde mental O lema escollido este ano para a conmemoración do Día Mundial é «A mellor inversión, a túa saúde mental», nese senso, ALUME súmase ao chamamento realizado dende a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia) a todas as persoas a realizar ese «investimento» na súa propia saúde mental, así como na das persoas do seu ámbito. Un investimento que non ten por que medirse en euros, senón en adoptar outros modos de vida e valores: organizar o noso tempo de forma menos estresante; coidar -e deixarse coidar- polos familiares, amigos, compañeiros, etc; e sobre todo, cambiar a nosa visión ante os problemas de saúde mental, para afrontalos con decisión e apoiar a quen os presenta como calquera outro problema de saúde máis. Feafes Galicia pide unha atención integral ás persoas con enfermidade mental No plano reivindicativo, Feafes Galicia reclama atención integral ás persoas con enfermidade mental, que en Galicia afecta a máis de 40.000 persoas. Esto implica que ademáis do tratamento farmacolóxico, se deben aplicar todas as medidas necesarias e adaptalas ás necesidades particulares de cada persoa, o que permite unha mellor recuperación e maior autonomía. A atención integral e a continuidade nos coidados das persoas con enfermedidade mental supón un aforro no gasto público, dado que reduce enormemente as partidas máis costosas: os ingresos hospitalarios, os servizos de urxencias e a compra de fármacos. Neste sentido, dende Feafes Galicia propoñemos unha serie de medidas como a prevención, a atención comunitaria, ou a detección precoz, que supoñen unha mellora nas prestacións ao conxunto da poboación, ao tempo que poden permitir un aforro nas contas públicas. www.alume.org www.feafesgalicia.org

Leave a Reply