Entidade declarada de utilidade pública

Novas

Cartel Saude Mental

Día Mundial da Saúde Mental 2015

O lema escollido este ano a nivel estatal con ocasión do Día Mundial da Saúde Mental, o 10 de outubro, é “Ponte no meu lugar. Conecta comigo”, e nesa liña, Alume quere reclamar da sociedade luguesa un esforzo de empatía coas persoas que padecen enfermidade mental a facer nosa a seguinte proclama:

CONSIDERANDO que o Día Mundial da Saúde Mental está apoiado pola Organización Mundial da Saúde e que á súa conmemoración súmanse centos de asociacións, organizacións e persoas en toda Galicia e en España;

CONSIDERANDO que a saúde mental é un aspecto das nosas vidas que temos que coidar, protexer e apreciar;

CONSIDERANDO que debemos comprender e aceptar que existen problemas de saúde mental;

CONSIDERANDO que a pesar dos avances que vivimos nos últimos 30 anos aínda quedan moitos muros que derribar e dereitos por alcanzar;

CONSIDERANDO que calquera persoa pode ter algún trastorno mental ou coñecer a alguén que o teña ou o tivera;

CONSIDERANDO que máis de 4 millóns de persoas teñen un trastorno mental en España e máis de 41.500 téñeno recoñecido en Galicia;

CONSIDERANDO que a perpetuación de falsos mitos e erróneos prexuízos son unha das principais barreiras para ver máis alá da primeira etiqueta que poñemos aos demais;

CONSIDERANDO que as persoas con trastorno mental teñen dereito a vivir en comunidade, a gozar dun benestar e a participar no seu proceso de recuperación e nas decisións que afectan á súa vida;

CONSIDERANDO que debido á estigmatización e á discriminación, as persoas con trastorno mental sofren frecuentes violacións dos seus dereitos;

CONSIDERANDO que é unha cuestión de xustiza social garantir recursos e políticas públicas de educación, emprego, sociais e sanitarias coas que apoiar calquera aspecto da vida das persoas para protexer a súa saúde mental;

ALUME insta aos responsables e autoridades políticas, axentes sociais, organizacións non lucrativas, medios de comunicación, sociedades científicas, profesionais da saúde, da atención social e do dereito, e a toda a cidadanía en xeral, a que:

descubran como son, o que senten e o que soñan as persoas con trastorno mental;
conecten con elas para derribar conxuntamente os muros invisibles do estigma;
respecten e defendan o dereito das persoas con trastorno mental a ser consideradas como cidadás de pleno dereito en igualdade de condicións cos demais;
colaboren na promoción da saúde mental porque non hai saúde sen saúde mental»;
apoien a axeitada inversión en recursos e políticas públicas integrais enfocadas a lograr o benestar das persoas;

Por iso, instamos a todos os cidadáns a que participen nas actividades de conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental que se estenderán ao longo do mes de outubro co ánimo de colaborar na construción dun mundo máis xusto e máis humano.