Entidade declarada de utilidade pública

Novas

Día Mundial da Saúde: non esquezamos a saúde mental

Compartimos o artigo publicado hoxe por Feafes Galicia, a Federación de asociacións de familiares de persoas con enfermidade mental, da que facemos parte, aproveitando a celebración do Día Mundial da Saúde.

Feafes Galicia quere aproveitar o Día Mundial da Saúde para poñer de manifesto a utilidade social e sanitaria da rede de servizos xestionada polo movemento asociativo, concretamente no tocante ao modelo de atención comunitaria e a súa repercusión positiva na saúde dos usuarios e familiares. Dende a década dos oitenta, as asociacións que hoxe conforman Feafes Galicia desenvolven un programa de atención comunitaria a persoas con enfermidade mental en todo o territorio galego. Para isto, a Federación conta hoxe en día con Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para enfermos crónicos, residencias, pisos protexidos, vivendas de transición e outros programas como atención a domicilio ou información e asesoramento. Esta atención reporta grandes beneficios tanto ás persoas con enfermidade mental como ás súas familias, pois permite diminuír os índices de recaída, ten un impacto positivo na vida cotiá da persoa e facilita un maior cumprimento do tratamento estándar do usuario. Ademais, grazas ao servizo de atención comunitaria de Feafes Galicia, diminúen as cargas asistenciais que recaen sobre a sociedade (especialmente sobre a familia) e o número de estancias hospitalarias. [Un modelo de atención digno e eficaz] A Organización Mundial da Saúde, OMS, estima que entre o 2’5 e 3% da poboación sofre algún tipo de trastorno mental. Se aplicamos esta porcentaxe á poboación adulta censada en Galicia a principios do ano 2013, o número de galegos afectados por algún tipo de trastorno mental estaría entre o 69.087 e o 82.905. As accións relacionadas coa atención comunitaria en Galicia grazas á rede de recursos de Feafes son fundamentais neste senso, xa que repercuten positivamente na mellora da saúde destas persoas e na calidade de vida tanto delas como dos seus familiares, pois trátase dun modelo de atención digno e eficaz. [Uns servizos públicos de calidade en materia de saúde mental] Por outra banda, Feafes Galicia quere facer un chamamento á necesidade de contar cuns servizos públicos de calidade en materia de saúde mental que cubran as necesidades reais de atención a este colectivo. Non queremos que a crise repercuta negativamente na atención sanitaria ás persoas con enfermidade mental xa que o dereito a recibir unha atención médica digna é un dereito compartido por todos os cidadáns. Feafes Galicia advirte que o recorte en programas de acompañamento e integración provoca non só un grave problema para miles de persoas, senón tamén un aumento no gasto farmacéutico e os ingresos hospitalarios. Neste Día Mundial da Saúde, o movemento asociativo de familiares e persoas con enfermidade mental recorda que non está disposto a renunciar ao dereito de recibir unha asistencia axeitada, tanto social como sanitaria.

Leave a Reply